A transformación da EP-8402 Cuntis-Cequeril cada vez máis próxima da man da Deputación
As actuacións contan cun orzamento de máis de case 550.000 euros e realizaranse na concorrida rúa da Palma para mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade
07/04/2022
A veciñanza de Cuntis está cada vez máis preto de ver como as obras de mellora da seguridade viaria na EP-8402 Cuntis-Cequeril, no tramo da rúa da Palma, se fan realidade. As actuacións, cuxa adxudicación se aprobará este venres por 545.360 euros, están financiadas pola Deputación (70%) e o Concello de Cuntis (30%) e realizaranse co fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil. O proxecto dá resposta a unha serie de demandas que se formularon dende a administración local e foi presentado esta mañá no lugar no que terán lugar as obras coa presenza do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e do alcalde Manuel Campos.
Os traballos levaranse a cabo nos primeiros 400 metros da estrada, situados entre o propio núcleo urbano de Cuntis e o rego da Patela, unha zona moi concorrida que dá acceso a servizos como un cemiterio ou un colexio público. E parte deste tramo pasará a ser de titularidade municipal. Coas obras este treito da EP-8402 deixará de contar cunha complicada accesibilidade e convivencia entre o tráfico rodado e o peonil para converterse nun espazo amable, sostible e seguro para as persoas usuarias, seguindo así o modelo de mobilidade que impulsa a Deputación de Pontevedra.
Esta meta acadarase coa creación dunha zona de convivencia que consistirá nunha plataforma elevada e que irá dende a intersección coa estrada N-640 no núcleo urbano de Cuntis ata o cemiterio. A partir do camposanto proxéctase unha vía con dous carrís de 3 metros de ancho -un por sentido-, unha banda de aparcamento en liña na marxe esquerda e beirarrúas en ámbalas marxes cun ancho mínimo de 2,5 metros. Ademais, para dar continuidade ao itinerario peonil, na ponte sobre o rego da Patela executaranse muros de pedra de granito e empregarase o mesmo pavimento que no resto da senda.
As actuación complétanse coa execución dunha rede de recollida de augas pluviais e a colocación de novas luminarias LED, o que supón un aforro de eficiencia enerxética dende a perspectiva do consumo eléctrico e dende a da mobilidade posto que invita a pasear por ela e a non empregar o vehículo. Ademais, a seguridade verase reforzada coa instalación de nova sinalización horizontal e vertical, separadores de carril para impedir que os vehículos invadan a senda da marxe dereita, unha barreira de seguridade na ponte e unha varanda para contención de peóns na pasarela.