A Deputación renova a Q de Calidade en todas as oficinas de información turística que xestiona

Trátase da oficina central de Turismo Rías Baixas no palacete das Mendoza e das situadas no mosteiro da Armenteira e no aeroporto de Vigo. O Museo de Pontevedra e o castelo de Soutomaior contan tamén con cadanseu distintivo Q de Calidade

26/01/2024

Entrega das certificacións

Os deputados provinciais Nava Castro, Javier Tourís e Isabel Couselo recolleron na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles de Madrid os distintivos Q outorgados polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) ás oficinas de información turística que xestiona a Deputación de Pontevedra.  “Sentímonos moi orgullosos ―afirmou a deputada delegada de Turismo, Nava Castro―, pois a provincia de Pontevedra segue a ser un destino punteiro na implantación de sistemas de calidade turística. A nosa aposta pola calidade é xa sinal de referencia de Rías Baixas e queremos seguir dando pasos cara adiante para consolidar este valor engadido que nos converte nun destino único en todo o territorio español”.

Deste xeito, renovaron a Q de calidade turística a oficina central de Turismo Rías Baixas situada no palacete das Mendoza, en Pontevedra, así como as que a institución provincial ten no mosteiro da Armenteira e no aeroporto de Vigo. Ademais destas oficinas, contan coa Q de Calidade o castelo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra, o cal tamén acadou o selo S pola súa aposta pola sostibilidade turística.

Ademais destas oficinas de turismo que xestiona directamente a Deputación de Pontevedra, outras nove adheridas á rede INFO RIASBAIXAS, dependente da institución provincial, tamén conseguiron renovar o distintivo Q de calidade. Trátase das oficinas de turismo da Estrada, da Casa da Bola de Cangas, de Baiona, do Casal de Ferreirós en Poio, do porto deportivo de Sanxenxo, das Dunas de Gaifar en Nigrán e de Cambados, así como os puntos de información turística de Cuntis e da Illa de Arousa.

En total, preto de 190 entidades e establecementos da provincia de Pontevedra contan cun distintivo Q outorgado polo ICTE.

Galerias de imaxes