A Deputación pon en marcha o Concurso Micromuseo para promover e dar a coñecer o patrimonio cultural da provincia entre a comunidade escolar

O certame, convocado por vez primeira para conmemorar o Día Internacional dos Museos, premiará os mellores microrrelatos en formato audiovisual con ata 3.000 euros, así como tabletas, libros e libros electrónicos

27/03/2024

Concurso Micromuseo

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o Concurso Micromuseo, co que conmemorará o Día Internacional dos Museos, que terá lugar o vindeiro 18 de maio baixo o lema "Museos pola educación e a investigación" e que está enfocado á comunidade escolar. O obxectivo de este certame, que se convoca este ano por primeira vez, é promover e apoiar a cultura e implicar directamente a comunidade escolar para contribuír ao coñecemento do valioso patrimonio cultural da provincia que se atopa no Museo de Pontevedra.

O concurso, enfocado a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra, consistirá na presentación dun microrrelato en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 60 segundos. Para levar a cabo os traballos deberán tomar como eixes temáticos ou argumentais os distintos edificios que compoñen o Museo ou calquera peza exposta nos edificios Castelao ou Sarmiento ou nas ruínas de San Domingos, actualmente abertos ao público. O prazo para presentar os traballos comeza hoxe, 27 de marzo, e remata o 31 de maio. Os centros escolares interesados en participar deberán inscribirse por vía electrónica a través da Sede electrónica da Deputación.

A participación debe facerse en grupo, formado por entre 2 e 5 estudantes e un representante do centro, e cada centro escolar só poderá presentar dous microrrelatos por categoría, que serán tres: a primeira, para o alumnado de 5.º e 6.º de primaria; a segunda, para as e os que se atopen na ESO, e unha terceira para estudantes de bacharelato ou ciclos formativos. En canto aos galardóns, haberá un primeiro premio por categoría, dotado con 1.000 euros para o centro escolar, tabletas para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo; e un segundo premio que constará de libros electrónicos para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo.