A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, remarca a firme aposta do Goberno provincial pola cultura na presentación do certame Vigo Histórico
10/04/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe en Vigo na presentación do certame de relatos Vigo Histórico que organiza a Editorial Elvira e que este ano chega á súa undécima edición “poñendo en valor a creatividade que emana de todos e cada un dos recunchos desta cidade de Vigo”. Sánchez felicitou a editorial viguesa pola iniciativa e por mantela ao longo dos anos “con tanto esforzo e tesón”, conseguindo chegar a cada vez máis escritores e “traspasando fronteiras”. Tamén convidou a presentar propostas a este certame, que abre o prazo mañá, 11 de abril, e rematará o 30 de xuño.
Ademais, a vicepresidenta provincial aproveitou a ocasión para amosar o compromiso da Deputación coa cultura e destacou que “debemos impulsar e promover as letras, os autores, os novos creadores e as súas múltiples manifestacións e entidades. Queremos que a cultura, como dicía Oroza, estea ao alcance de todo o mundo”.