A Deputación leva a oficina móbil do programa +Renovables ata Ponteareas para informar a cidadanía sobre eficiencia e aforro enerxético

O deputado provincial Javier Tourís visitou o concello coa oficina móbil, que percorrerá todos os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia para informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética

08/03/2025

A Deputación leva a oficina móbil do programa +Renovables ata Ponteareas

O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, visitou o Concello de Ponteareas coa oficina móbil do programa +Renovables, coa que a Deputación está a descentralizar os servizos que se prestan desde a Oficina de Transformación Comunitaria (emprazada no Viveiro de Empresas de Barro) para implicar os concellos nos retos da sostibilidade. O deputado provincial reuniuse coa alcaldesa da vila e tamén deputada provincial, Nava Castro, para divulgar esta oficina e as actuacións que +Renovables promove.

Javier Tourís recordou que a oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria está a percorrer os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia "para informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo". "Trátase –engadiu o deputado- dun vehículo 100% eléctrico desde onde estamos a informar in situ sobre cuestións de índole legal, como a redacción de estatutos e normas, a cesión de cubertas ou a revisión de contratos de execución de obras; técnica, como o deseño de proxectos de xeración térmica ou eléctrica; e tamén económica, achegando información sobre créditos bancarios e outras fórmulas de financiamento". Neste eido, a alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, enxalzou a importancia de iniciativas como +Renovables, "que contribúen a asesorar aos concellos para a optimización dos recursos enerxéticos e o aproveitamento das enerxías limpas, fundamental para minimizar as facturas e fomentar o aforro e a eficiencia".

+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para as familias como para as empresas. A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables ten un orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos NextGenerationEU para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade.