A Deputación destina 125.000 euros á capacitación en competencias dixitais de persoas maiores de 50 anos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña
Estes recursos enmárcase no “Hub para a loita contra a fenda dixital e soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, cuxo prazo para beneficiarse do seu programa formativo estará aberto ata o 15 de febreiro
02/02/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar, por valor de 125.000 euros, o contrato para capacitar en competencias dixitais as persoas maiores de 50 anos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Estes recursos enmárcanse no “Hub para a loita contra a fenda dixital e soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, cuxo prazo para beneficiarse do seu programa formativo estará aberto ata o 15 de febreiro.
Tal e como explicou o presidente da Deputación, Luis López, en conferencia de prensa, estes 125.000 que acaba de adxudicar a institución provincial distribúense en 35.000 euros para formar a 25 persoas influencers, cinco por concello, en novas tecnoloxías e impartir sete accións formativas en cada municipio sobre a administración electrónica, o Sergas en liña, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Ademais, os outros 90.000 euros irán destinados á prestación dun servizo de xeración de contidos didácticos audiovisuais.
O “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra” inclúe unha formación destinada a persoas maiores de 50 anos para alfabetizalas dixitalmente e capacitalas en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas. Ata o 15 de febreiro as persoas desta franxa de idade dos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña poderán solicitar praza para beneficiarse do programa formativo. Tamén está aberto ata a mesma data o prazo para participar como influencers e para o que se necesita, neste caso, que sexan persoas maiores de idade, empadroadas no concello, destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas dixitais.