A Deputación amplía ata o 15 de febreiro o prazo para participar no “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”

O programa de formación dixital desenvólvese nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña

15/01/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de anunciar que amplía o prazo ata o vindeiro 15 de febreiro para presentar solicitudes para participar como alumna ou alumno ou influencer no programa “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no rural da provincia de Pontevedra”, que se desenvolve nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. O programa inclúe unha formación destinada a persoas maiores de 50 anos para alfabetizalas dixitalmente e capacitalas en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas.

As e os interesados en participar nesta iniciativa como alumnos deberán ser nacidos antes de 1973 ou acreditar unha discapacidade, prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos. No caso das e dos influencers (persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode achegar o uso de ferramentas sociais), deben ser maiores de 18 anos e estar empadroados nalgún dos concellos participantes.

Unha vez seleccionadas as persoas participantes, cincuenta en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas, que versarán sobre a Administración electrónica, o Sergas en liña, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Cada acción formativa terá unha duración de 5 horas e, ao final delas, haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais e poida formular dúbidas sobre os coñecementos obtidos.