Luisa Sánchez confirma que a Copa Deputación de fútbol feminino arrancará o 6 de decembro e que a gran final será o 17 de maio

“A Deputación e a Federación unimos as nosas forzas para garantir a supervivencia dunha competición que era unha insignia na provincia e merecía unha continuidade” asegurou a vicepresidenta provincial quen confirmou que participarán na Copa Deputación un total de 29 equipos de fútbol feminino da provincia

19/11/2024

sorteo copa federación

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou na sede da Federación Galega de Fútbol en Vigo no sorteo da Copa Deputación de fútbol feminino, un acto no que tamén estiveron presentes representantes dos clubs da provincia. “A Deputación e a Federación unimos as nosas forzas para garantir a supervivencia dunha competición que era unha insignia na provincia e merecía unha continuidade”, asegurou a vicepresidenta provincial quen confirmou que a Copa Deputación arrancará o 6 de decembro, que a gran final será o 17 de maio, e que participarán na proba un total de 29 equipos de fútbol feminino da provincia.

A Copa Deputación de Pontevedra de fútbol feminino arrancará o 6 de decembro con partidos entre o Mondariz CF e a At. Villalonga FF “B”; Salvatierra SD e Gondomar FB; Club Peñasco e SCD Salcedo; Catoira SD e Sárdoma CF “B”; CD Mosteiro e SP. San Mateo; Porriño Ind e SR Casablanca; Union Guardesa e SCD Pontecaldelas, Balaídos CF e Céltiga Féminas; Juv. Cambados e Domaio FC; Racing Vilariño e As Celtas “B”; EF Mos e SD Cruces; CF Cañiza e CD VAlladares; e SD Bandeira e Umia CF.

O 4 de xaneiro entrará en xogo o Lóstrego CF “B” que competirá co equipo gañador do partido entre o Unión Guardesa e a SCD Pontecaldelas, e o 4 de marzo o At Arousana e o Tomiño Femenino que competirán, respectivamente, cos equipos gañadores do partido entre o Mondariz CF e o At. Villalonga FF “B” e Porriño Ind e SR Casablanca. Pola súa banda, os cuartos de final terán lugar o 4 de marzo e o 17 de abril e a semifinal o 17 de abril e o 1 de maio, da que sairán os equipos que disputarán a final o 17 de maio.

Luisa Sánchez lembrou que o pasado ano participaron en total na Copa Deputación tamén unha trintena de equipos de fútbol feminino da provincia, resultando vencedoras as integrantes do Lóstrego de Gondomar. Tamén aproveitou a ocasión para remarcar a firme aposta da institución provincial polo fútbol feminino “ao que imos apoiar para poder seguir engrosando as bases”. Ademais fixo fincapé no “xiro absoluto” das políticas de deporte da Deputación co goberno actual, como os “900.000 euros que recibiron 80 clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal”, os “500.000 euros na liña de axudas á celebración de competicións ou eventos” ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que “pasa dos 4 millóns na súa primeira edición aos 8 millóns en 2025”. Todo isto, asegurou, “porque os clubs e deportistas desta provincia están nun momento excepcional, acumulando triunfos e situándonos no mapa, e tiñamos que estar á altura para fomentar que Pontevedra se converta no grande estadio deportivo do mundo”.

Galerias de imaxes