Luisa Sánchez entrega a Copa Deputación de fútbol feminino ao Lóstrego de Gondomar

A vicepresidenta provincial remarcou que “hoxe celebramos a súa vitoria pero tamén festexamos que esta provincia é un referente en fútbol feminino e que a Deputación vai camiñar ao seu carón, apostando firmemente por seguir impulsándoo e engrosar as bases”

01/06/2024

Final Copa Deputación de fútbol feminino 2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, fixo entrega do título de flamantes vencedoras da Copa Deputación de fútbol feminino ás integrantes do Lóstrego de Gondomar. Luisa Sánchez remarcou no Campo da Seca de Poio que “hoxe celebramos a súa vitoria pero tamén festexamos que esta provincia é un referente en fútbol feminino e que a Deputación vai camiñar ao seu carón, apostando firmemente por seguir impulsándoo e engrosar as bases”.

O encontro enfrontou ao Viajes Interrías B, de Sanxenxo, co Lóstrego Club de Futbol B, de Gondomar. Ambos os equipos clasificáronse para a final da Copa Federación despois de superar nas semifinais ao CD Valladares e ao Unión Guardesa, respectivamente. Ao longo desta temporada participaron na Copa Deputación de fútbol feminino preto dunha trintena de equipos de toda a xeografía provincial.

Coa organización de competicións como esta Copa Deputación, o goberno provincial busca potenciar e darlle ao fútbol feminino a visibilidade que merece. Non só apoiando aos clubs da provincia, tamén a través de organización de eventos deportivos como o celebrado o pasado mes de decembro no estadio de Pasarón entre a Selección Española campioa do mundo e o combinado italiano.

Galerias de imaxes