A Deputación concédelle preto de 50.000 euros ao Concello de Valga para acondicionar a pista polideportiva interior do pavillón municipal de Baño, en Xanza
Trátase de recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas dos que se distribuíron xa preto de 1,7 millóns de euros entre 25 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
17/04/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de 50.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello de Valga. Con estes recursos, o Goberno local levará a cabo tarefas de acondicionamento da pista polideportiva interior do pavillón municipal de Baño, en Xanza.
O Concello de Valga dedicará estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas a renovar o pavimento do pavillón que, nestes momentos, se atopa moi deteriorado e complica a realización das actividades deportivas que alí se realizan. A día de hoxe adestran na pista polideportiva de Baño varios clubs federados de fútbol sala, tenis e karate e tamén a emprega a Escola de Patinaxe Artística, así como diversos equipos afeccionados. Coa actuación financiada con recursos provinciais, o chan de formigón pintado será substituído por un pavimento deportivo de linóleo acústico con tratamento antiestático que garantirá a boa realización das actividades e, ao mesmo tempo, a seguridade das persoas usuarias.
O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 1,7 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Valga, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.