A Deputación aproba máis de 100.000 euros para realizar melloras nas infraestruturas deportivas da Cañiza, Covelo e Fornelos de Montes

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas xa mobilizou máis de 930.000 euros entre os concellos da provincia

27/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar axudas aos concellos da Cañiza, Covelo e Fornelos de Montes ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas por importe de máis de 106.000 euros. Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou máis de 930.000 euros dos 4 millóns de orzamento total do plan, que se abriu a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Polo de agora xa se aprobaron recursos para Pazos de Borbén, Barro, Cerdedo-Cotobade, Redondela, Poio, Arbo, Crecente, Meis, Catoira, Cangas, Salceda de Caselas, Marín, Lalín, A Cañiza, Covelo e Fornelos de Montes.

O Concello da Cañiza afrontará con 45.560 euros da Deputación a ampliación da cuberta das pistas de pádel, situadas a carón do complexo municipal formado pola piscina municipal e o ximnasio. A Cañiza conta con dúas pistas de pádel, unha das cales xa está cuberta e outra (na que se actuará agora) que aínda non. Nesta última xa se instalaron previamente as cimentacións que servirán de apoio á cuberta, unha estrutura metálica formada por dous pórticos, polo que só será necesario incorporar a cubrición, que será de aceiro igual que a da pista veciña.

O Concello de Covelo sufragará o cambio da cuberta da grada do campo de fútbol municipal. A actual atópase degradada polo paso do tempo e o efecto da meteoroloxía, polo que se substituirá e tamén se demolerá o muro de extradorso. Procederase á limpeza, pintado e saneado da grada e colocarase sobre ela a nova estrutura metálica, ademais de reconstruír a parte demolida do muro. Para esta actuación, a Deputación de Pontevedra concédelle ao Concello unha achega de 32.568 euros.

Ademais, o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas financiará en Fornelos de Montes a ampliación da cuberta do corredor do complexo deportivo municipal (formado polo pavillón de deportes, os vestiarios, o ximnasio e a pista de pádel) e mais a clausura dos ocos na pista de pádel do recinto, cunha achega de 28.332 euros. Parte do corredor está cuberto para permitir a comunicación entre os distintos servizos, especialmente nos días de choiva. Na actualidade, a cubrición non chega a un dos accesos principais do pavillón, obrigando a pasar polos vestiarios para protexerse da choiva, polo que o investimento da Deputación permitirá corrixir esa carencia. Ademais, na pista de pádel existe un oco de 19 centímetros entre dous peches polo que é habitual que se coen pelotas, obrigando as persoas usuarias a interromper o xogo para recuperalas subindo á cuberta do ximnasio cunha escaleira. Pecharase cunha malla de aceiro coa mesma forma e cor que a existente no peche da pista.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.