#ADEPUTACIÓNDEPONTEVEDRA

Responsabilidade social corporativa

A Deputación de Pontevedra ten como obxectivo principal a atención e o servizo aos concellos e á cidadanía da provincia.


No seu compromiso coa responsabilidade social corporativa (RSC) está a impulsar políticas públicas que contribúen á mellora da convivencia, ao desenvolvemento do territorio, ao diálogo cos axentes sociais e económicos, ao fortalecemento dos valores da comunidade, á atención específica aos colectivos vulnerables, á transparencia e bo goberno e ao coidado ao medio ambiente.

Nesa liña, a Deputación Provincial traballa en diversos programas na procura da igualdade, a mellora da calidade de vida das persoas maiores, a loita contra o maltrato, a sostibilidade ambiental, ou a formación en valores sociais das rapazas e rapaces. A continuación cítanse as accións nas diferentes áreas cunha estreita integración da RSC.

  Bo Goberno

A transparencia figura con letras maiúsculas entre as prioridades do Goberno da Deputación de Pontevedra. A cidadanía demándanos unha conducta exemplar e esta institución traballa a diario para demostrar que está á altura desa esixencia ao tempo que procura ofrecer os mellores servizos para o conxunto da veciñanza da provincia.

O apoio aos 61 concellos debe vir acompañado dunha dimensión ética; por iso, o Goberno da Deputación de Pontevedra adquiriu o compromiso de actuar con rigor e imparcialidade, rexéndose a súa xestión polos principios de eficacia, economía e transparencia. O obxectivo é claro: servir a cidadanía, administrar os recursos públicos con rigor e responsabilidade e pensar só no interese xeral sen personalismo.

Ademais queremos adaptarnos aos novos tempos, nos que as tecnoloxías avanzan con gran rapidez, e falar a mesma linguaxe que a veciñanza. A proximidade é fundamental para este Goberno. Internet e as redes sociais representan unhas ferramentas moi útiles para escoitar a cidadanía e responder ás súas suxestións e demandas, por iso estamos a apostar forte polas novas canles de comunicación.

A Deputación de Pontevedra mantén a firme vontade de servir con exemplaridade a todas e todos os veciños da provincia e avanzar xuntos á altura dos retos dos novos tempos.

 Cohesión Social

Colaboración con empresas de inserción social

Contratación de servizo forestal e medioambiental de mantemento e limpeza do parque do castelo de Sobroso: contrato reservado a programas de emprego protexido

Para un estado óptimo de conservación de parte das 29 hectáreas de finca do castelo de Sobroso é preciso realizar actuacións forestais e medioambientais de roce, limpeza, tratamento de árbores, fertilización e demais que se detallan a continuación: roce manual na contorna do castelo de Sobroso e no patio de armas; limpeza da muralla que rodea o castelo; roce, limpeza e adecuación do sendeiro botánico, as escaleiras e os carteis; tratamento químico no rodal de acacias; limpeza do sotobosque atlántico, comprobación e control das ramas e árbores con perigo de caída nas zonas de maior concorrencia; limpeza de gabias e recollida de follas; arranxo e adecuación das pistas que percorren o parque e a zona de camelias (roza manual das filas de camelias, poda de saneamento, cultural e ornamental eliminando partes secas, malformacións e outros, fertilización).

Para levar a cabo este traballo, o Servizo de Turismo precisou dunha empresa especializada, xa que a Deputación de Pontevedra non conta cos medios técnicos nin humanos necesarios para realizar directamente este traballo.

A contratación realizase a través de empresas de inserción ou centros especiais de emprego mediante contrato reservado, no que só poderán participar programas de emprego protexido.

Gratuidade para colectivos en situación de vulnerabilidade

Castelo de Soutomaior

O castelo de Soutomaior, xestionado pola Deputación de Pontevedra, é un dos recursos turísticos da provincia de Pontevedra. Nel ofrécense unha serie de servizos e actividades para promover o coñecemento entre a poboación local, visitantes e turistas.

No caso das visitas, non estarán suxeitos ao pagamento da taxa de entrada os seguintes colectivos, entre outros:

  • Persoas menores de 18 anos de idade
  • Persoas con discapacidade. Tamén poderá acceder de esta mesma forma a persoa que a acompañe, sempre e cando esta sexa imprescindible para a realización da visita.
  • Persoas en situación de desemprego

Os seguintes colectivos terán unha tarifa reducida:

  • Persoas de 65 anos de idade ou máis
  • Membros de familias numerosas, segundo se dispón no artigo 2 da Lei 40/2003, de 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e o Real decreto 1621/2005, de 30 de decembro, que desenvolve a citada Lei
  • Titulares do Carné Xove
  • Grupos organizados formados por un mínimo de 10 persoas

Máis info. en http://castelodesoutomaior.com

Depotermal 

É un programa cuxo obxecto é fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.

Poderán beneficiarse do programa todas as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do plan e que cumpran unha serie requisitos.

O programa contempla un número de prazas de reserva subvencionadas dentro de cada modalidade, das que se poderán beneficiar as persoas dos concellos adheridos que cumpran os requisitos establecidos na base segunda, carezan de recursos económicos suficientes para facerlle fronte ao custo do programa e o xustifiquen mediante unha valoración da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios municipais, na que se reflicta esta circunstancia (situación ou risco de exclusión social, escasos recursos económicos e idoneidade do programa para a persoa usuaria solicitante).

Para que neste plan poidan participar todas as persoas que cumpran os requisitos, independentemente da súa situación económica, a Deputación subvencionará prazas nos dous programas nos seguintes termos

Depo Aventura 

O programa "Depo Aventura A Lanzada" ten como obxecto fomentar o desenvolvemento persoal e social das rapazas e rapaces e favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural.

Nesta convocatoria poderán participar nenas e nenos que cumpran unha serie requisitos:

Tratando de chegar a todas as nenas e nenos da provincia, poderán participar menores en situación de tutela ou garda por parte da Administración que se atopen en acollemento residencial nun centro da provincia de Pontevedra.

Tamén poderán participar aqueles que precisen un apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía. Esta circunstancia deberá facerse constar no cuestionario de saúde e autonomía persoal, detallando do xeito máis preciso posible as súas necesidades específicas.

Co fin de acadar a igualdade de oportunidades, a institución provincial subvencionará o 100 % do prezo da praza para promover a inclusión social das nenas e nenos da provincia de Pontevedra.

Máis información en: https://www.depo.gal/-/depo-aventura

En ruta coa Depo 

A través deste programa trátase de mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra, impulsando a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, ofrecéndolle alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promovendo rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente nenas e nenos.

Poderán participar neste programa todas as entidades sociais da provincia de Pontevedra, que terán a posibilidade de presentar a súa solicitude de forma conxunta con outra entidade.

Só se concederá unha ruta por entidade e CIF, solicitada de forma individual ou conxunta.

A institución provincial establece a convocatoria de prazas do programa "En ruta coa Depo" no marco de actividades para os colectivos de entidades de iniciativa social:

  • Entidades sociais inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos Sociais (RUEPSS)
  • Entidades sociais de colectivos con diversidade funcional
  • Entidades sociais que presenten a súa solicitude de forma conxunta
  • Entidades sociais non inscritas no RUEPSS

Terase en conta a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

Máis información en: https://www.depo.gal/-/en-ruta-coa-depo

Cursos de español para persoas inmigrantes 

O obxecto desta convocatoria é poñer en marcha tres edicións de cursos de español para persoas inmigrantes, ata un máximo de 60 prazas (20 por edición), para a preparación do DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira) do nivel A2 do Marco Común Europeo de referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes.

As e os destinatarios son persoas inmigrantes en situación administrativa regular e maiores de 16 anos que necesiten preparar o exame do DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.

Os cursos serán integramente subvencionados pola Deputación, incluído o custo da matrícula do DELE, e impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.

Para poder acceder á matrícula gratuíta do DELE as persoas participantes deberán asistir, polo menos, ao 80 % das clases previas á data de fin de prazo de matrícula para a súa correspondente convocatoria. 

Non serán subvencionados os gastos de desprazamento dende a residencia ata os lugares onde se desenvolva cada edición.

Máis información en: https://www.depo.gal/-/curso-de-espanol-para-inmigrantes

 

Voluntariado corporativo. Vacacións con traballo

A Deputación de Pontevedra colabora co programa "Vacacións con traballo" impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que está dirixido ao persoal dos concellos e deputacións socias adheridos ao Fondo.

Os obxectivos son intercambiar coñecementos, fornecer apoio en futuros proxectos de cooperación, dar respostas técnicas, promover un maior e mellor coñecemento da realidade dos países, así como activar fórmulas de cooperación.

Máis información en: https://vacacionscontraballo.wordpress.com/

  Igualdade

Plan de Igualdade

A Deputación de Pontevedra aprobou o primeiro Plan de Igualdade da institución, o primeiro dunha administración pública española que se elaborou en base a unha auditoría laboral de xénero e que inclúe unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, cumprindo os termos establecidos en todas as recomendacións. Tamén contén todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral, así como as medidas que o Senado recolleu contra as violencias machistas.

Ten unha vixencia de tres anos e pretende darlle cumprimento á normativa existente no Estado e na lexislación galega, pero ampliando o concepto de discriminación na liña dos obxectivos do Convenio de Istambul.

Este Plan ten por obxectivos promover o principio de igualdade asegurando as mesmas oportunidades profesionais para mulleres e homes; garantir a ausencia de discriminación por razón de sexo, especialmente as derivadas da maternidade, a paternidade, a asunción de obrigas familiares, o estado civil e as condicións laborais; eliminar toda manifestación de discriminación na promoción interna e selección co obxecto de acadar na empresa unha representación equilibrada da muller no cadro de persoal; previr o acoso laboral, sexual e por razón de sexo; promover mediante accións de comunicación e formación a igualdade en todos os niveis da organización; facilitar a conciliación da vida profesional, persoal e familiar; evitar os posibles riscos derivados do traballo nas mulleres en situación de embarazo ou en período de lactación; prestarlles apoio no ámbito laboral ás vítimas de violencia de xénero; fixar obxectivos concretos de igualdade dentro duns prazos de tempo razoables; e establecer sistemas eficaces de control interno e avaliación externa sobre o cumprimento dos obxectivos.

 Plan de Igualdade

Guía de linguaxe non sexista

A Deputación de Pontevedra aprobou o primeiro regulamento de comunicación inclusiva, o cal ten por obxectivo a eliminación da linguaxe sexista e discriminatoria da comunicación oficial da Deputación.

É de obrigado cumprimento para todos os órganos, servizos e departamentos da institución provincial, así como para todas as traballadoras e traballadores desta administración, tanto nas actuacións internas como externas.

Ademais, a normativa afectaralle tamén aos estudos, proxectos, programas e traballos que a Deputación de Pontevedra lle encargue a terceiras persoas, entidades ou empresas, que deberán realizarse atendendo ás recomendacións sobre o uso inclusivo da linguaxe escrita e iconográfica contidas neste regulamento, un requisito que se recollerá nas convocatorias e solicitudes dos mencionados traballos.

Do mesmo xeito, tamén os contratos de prestación de servizos asinados pola Deputación con entidades privadas teñen unha cláusula na que se comprometen expresamente a respectar as normas que dispón este regulamento en materia de comunicación inclusiva.

 Guía de linguaxe non sexista

Violencia Zero

Este programa inclúe accións artísticas en 25 concellos da provincia que abranguen modalidades artísticas como a poesía, o graffiti, a danza contemporánea, a acción escénica ou a performance a cargo de 25 mulleres artistas de grande relevancia no panorama galego e estatal.

O obxectivo da Deputación de Pontevedra co programa "Mulleres en acción: Violencia Zero" é espallar a loita contra as violencias machistas máis alá dun día e estender este compromiso ao longo de todo o ano.

Para acadalo, a institución provincial quere, a través de "Mulleres en acción: Violencia Zero", dar visibilidade a esta problemática social mediante accións artísticas protagonizadas por mulleres, empoderándoas no eido cultural e artístico.

Ademais, e co obxectivo de concienciar a toda a sociedade pontevedresa sobre o problema social das violencias machistas, as accións realizaranse en contacto directo coa cidadanía, ben en centros escolares, prazas, rúas ou lugares de tránsito, ben da man de asociacións de mulleres, corporacións municipais ou colectivos sociais, culturais ou doutra índole.

  Medio Ambiente

Erradicación de especies invasoras

A Deputación de Pontevedra decidiu proceder ao alleamento da madeira das especies invasoras situadas nos centros da súa propiedade, atendendo a razóns de protección medioambiental e tamén de beleza paisaxística.

Deste xeito, levouse a cabo a tala dos eucaliptos da finca do castelo de Soutomaior e do castelo de Sobroso, xa que esta especie é invasora e propicia unha serie de consecuencias negativas para as demais árbores e elementos naturais que conviven con ela; asegúrase así a fin da presencia dunha especie non protexida, que esquilma o chan, compite excesivamente tanto pola luz coma pola auga e os nutrientes do solo e que, ademais, polas características combustibles da súa casca e das súas follas, supón un grave risco en caso de incendio, pois provoca que se acelere a propagación do lume.

  • Castelo de Soutomaior. Actuación nas 25 hectáreas de terreo dos xardíns. Elimináronse un total de 300 eucaliptos.
  • Castelo de Sobroso. Actuacións sobre as 18 hectáreas de terreo dos xardíns.

PROXECTO EUROPEO "Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos" (ESTRAEE)

O proxecto ESTRAEE, liderado pola Deputación e aprobado na 1.ª convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal 2014-2020, conta cun cofinanciamento do 75 % do FEDER e mobilizará máis de 2 millóns de euros no desenvolvemento de toda unha estratexia de economía circular para a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal coa análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de residuos e a adaptación de puntos limpos dos concellos da provincia e do norte de Portugal para a xestión dos RAEE.

Máis información en: https://estraee.depo.gal/