Luis López enxalza a actuación de urbanización que se está a desenvolver na rúa Condesa de Barrantes, cun investimento de 650.000 euros para garantir a seguridade viaria

“Son unhas obras moi demandas polos veciños”, asegurou o presidente da Deputación sobre esta actuación que abrangue un treito no que se concentran os principais equipamentos deportivos e escolares de Ribadumia

02/09/2024

Visita as obras da rúa Condesa de Barrantes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou xunto co alcalde de Ribadumia, David Castro, e a deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, o estado de execución das obras que se están a desenvolver na rúa Condesa de Barrantes, en Ribadumia, onde se están a investir preto de 650.000 euros, o 70% financiado pola institución provincial. A actuación abrangue un treito de 300 metros, no tramo inicial da estrada provincial EP-9506 Barrantes –Vilariño, no que se concentran os principais equipamentos deportivos e escolares da vila. “Son –segundo asegurou o presidente provincial- unhas obras moi demandas polos veciños, que van garantir unha maior seguridade e un mellor grao de convivencia que non supoña perigo para as persoas”.

A remodelación da rúa Condesa de Barrantes foi unha das primeiras actuacións ás que deu luz verde Luis Lopez como presidente da Deputación de Pontevedra. Nestes momentos, as obras están “moi avanzadas”, tal e como explicou o presidente xa que “o máis dificultoso e complicado, aínda que menos visible, está todo feito”. Deste xeito, López afirmou que “estaba previsto que a actuación rematase en marzo pero o adiantamento do prazo será unha realidade, salvo que concorran circunstancias alleas, como a climatoloxía, que o impidan”.

As obras que se están a desenvolver remodelarán o núcleo urbano de Barrantes, ao dotar este espazo, que transitan a diario máis de 500 nenos e nenas, de beirarrúas máis amplas e zonas de estacionamento para dar servizo aos autobuses escolares que acceden á contorna (está previsto que poidan xa estacionar no espazo este mesmo mes de setembro). Tamén se construirán pasos de peóns sobre elevados para garantir a seguridade viaria e instalarase unha rede soterrada de telecomunicacións e de alumeado, así como renovaranse as luminarias existentes. Ademais, executarase unha rede de drenaxe, crearanse zonas axardinadas, instalarase mobiliario urbano e nova sinalización horizontal e vertical.  En definitiva, tal e como subliñou o presidente Luis López, “unha actuación para converter este espazo nun lugar mellor, para a xente, para as veciñas e veciños de Barrantes e Ribadumia”.

 

Galerias de imaxes