A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na terceira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”
A ruta impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 7 de abril e permitirá observar aves nas ribeiras do río Umia ao seu paso por Ribadumia e Cambados
24/03/2024
A Deputación de Pontevedra abre este luns 25 de marzo o prazo de inscrición para participar na terceira ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baixas”. Esta nova actividade impulsada pola institución provincial da man de SEO/BirdLife terá lugar o domingo 7 de abril nas ribeiras do río Umia ao seu paso polos concellos de Ribadumia e Cambados. As solicitudes permanecerán abertas ata o 5 de abril, ás 12 horas, ou ata completar a capacidade (25 prazas).
Este último tramo do río está protexido pola Rede Natura 2000 e conta con paisaxes moi atractivas para as aves. No bosque da ribeira pódense avistar paseriformes, concretamente nas árbores de sombra (exemplares de papuxa das amoras, pimpín común, subeliño común ou ferreiriño), mentres que as paisaxes agrícolas que rodean esta zona atraen outras aves coma o xílgaro, o tordo común, a bubela, a andoriña común e dáurica, a rula común ou o lagarteiro común. Máis adiante, preto da súa desembocadura no Complexo Intermareal Umia-O Grove, o esteiro é idóneo para aves acuáticas coma garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.
As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario publicado no portal web da Deputación. Poderase anotar a persoa solicitante xunto cun máximo de tres acompañantes. O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.
O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais dos dous percorridos xa realizados e este por Ribadumia e Cambados, outras catro rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en maio na serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño na praia da Lanzada (O Grove), en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).