A Deputación supervisa os traballos de execución de cunetas de seguridade na estrada provincial EP-5102 A Lamosa-Franqueira-Achas en Covelo

A deputada Isabel Couselo recorreu esta actuación de seguridade viaria que se está a desenvolver nesta estrada provincial ao abeiro no acordo marco de cunetas na rede viaria da Deputación, dotado con preto de 2 millóns de euros

21/11/2024

Visita a estrada provincial EP-5102 A Lamosa-Franqueira-Achas en Covelo

A Deputación de Pontevedra está a executar cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-5102 A Lamosa-Franqueira-Achas no Concello de Covelo. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, a actuación que se está a desenvolver nun tramo de máis de 200 metros desta estrada provincial. Trátase dunha obra enmarcada no acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a preto de 2 millóns de euros.

Segundo destacou Couselo, as obras que se están a realizar no Concello de Covelo trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas na estrada provincial EP-5102 A Lamosa-Franqueira-Achas, entre os puntos quilométricos 2+960 e o 3+200. “Mediante estas cunetas de formigón armado - tal e como recordou a deputada- non só se vai mellorar a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns”. A actuación en Covelo contempla a execución de cunetas, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e recrecido de pozos.

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa Covelo, o lote 3, supón un investimento de preto de 600.000 euros.   Ao abeiro deste acordo marco, tal e como recordou a deputada, xa se actuou nas estradas provinciais EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo, EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira, EP-5304 Vilar-Albeos, EP-2503 Cerquido-Borralliño, EP-4301 Riofrío-Borbén e EP-5104 Maceira-Avión. Ademais, está previsto que nas próximas semanas comecen os traballos nas estradas provinciais EP-4304 Meirol-Enlace Autovía, EP-5203 PO-400-Estación, EP-2304 Donas-Mañufe e na EP-2305 Mañufe-Nande.