O goberno de Luis López recuperou no seu primeiro ano á fronte da Deputación a acción comunitaria, con novas liñas de axudas que ascenden aos 3,2 millóns de euros

Aprobou o plan de Acción Comunitaria, que integra Provincia Comunitaria e + Aqua, dotado inicialmente con 2 millóns de euros que acaban de ampliarse ata os 3,2 millóns para dar resposta á elevada demanda do tecido asociativo provincial

08/07/2024

O goberno de Luis López recuperou no seu primeiro ano á fronte da Deputación de Pontevedra a acción comunitaria, liderada polo deputado provincial Javier Tourís e con novas liñas de axudas que ascenden aos 3,2 millóns de euros e distribuirán ata 10.000 euros por asociación. Trátanse dos plans Provincia Comunitaria e +Aqua que estaban dotados inicialmente con 2 millóns de euros e acaban de ampliarse ata os 3,2, para dar resposta á elevada demanda do tecido asociativo provincial. Ademais, nestes doce meses creouse a oficina de transformación comunitaria da provincia de Pontevedra +Renovables, que dotada cun orzamento de 700.000 euros está a impulsar a apertura de comunidades enerxéticas en 59 concellos da provincia.

A colaboración permanente co tecido asociativo da provincia tense convertido neste primeiro ano de goberno nunha das grandes máximas do goberno de Luis López. A nova Deputación está a tender pontes a través da área de Acción Comunitaria pero tamén do conxunto de servizos provinciais, dando apoio económico a máis de 1.000 asociacións, integradas por colectivos veciñais, pero tamén por entidades culturais, asociacións de benestar social, federacións e clubs deportivos ou, entre outras agrupacións empresariais. Unha cifra que axiña chegará ás 1.400 cando se resolvan as axudas enmarcadas nos plans Provincia Comunitaria e +Aqua.

Ademais, a través da área de Acción Comunitaria tamén se puxo en funcionamento neste primeiro ano de goberno de Luis López a Oficina +Renovables, a través da cal se está a coordinar a apertura de comunidades enerxéticas en 59 concellos da provincia. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 750.000 euros, organizou xa a primeira xornada sobre comunidades enerxéticas no Polígono de Barro, onde ten situada a súa oficina. De cara aos próximos meses está previsto que, amais de prestar asesoramento e impartir formación sobre esta cuestión, poña en marcha unha rede de comunidades enerxéticas e un observatorio provincial, así como un congreso provincial de comunidades enerxéticas e outra xornada para dar conta de casos de éxito nesta materia.

O reforzo de programas de asociacionismo na provincia é un dos grandes obxectivos da área que lidera Javier Tourís, polo que periodicamente se realizan visitas ás comarcas e concellos da provincia co obxectivo de dar a coñecer as liñas de axudas da Deputación en materia de acción comunitaria. Ademais, e xa de cara aos próximos meses, está previsto poñer en marcha en varios concellos da provincia xornadas de convivencia co asociacionismo.