A Deputación e o Concello de Pontevedra manteñen aberto ata o luns 8 de abril o prazo para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan

Os galardóns buscan recoñecer os mellores artigos que versen sobre algunha das temáticas abordadas na sétima edición do congreso As Mulleres que Opinan son Perigosas, que tivo lugar en Pontevedra os días 15 e 16 de marzo

04/04/2024

A Deputación e o Concello de Pontevedra aínda teñen o prazo aberto ata o vindeiro 8 de abril para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan. Trátanse duns galardóns cos que ambas institucións buscan recoñecer os mellores artigos de opinión que versen sobre algunha das temáticas abordadas na sétima edición do congreso As Mulleres que Opinan son Perigosas, que tivo lugar os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Os premios buscan promover o exercicio da opinión xornalística por parte de mulleres profesionais do xornalismo e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordaron no encontro, que se publicarán ademais nos principais xornais da provincia de Pontevedra.

Poderán presentarse aos #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente (de maneira virtual ou presencial) e tamén sobre calquera tema que se tratase no congreso, tanto nos relatorios coma nas quendas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro e que se inspire neste para escribir unha opinión.

Os artigos presentados, que teñen que ser orixinais, deben contar cun titular e un corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos coma de xornalistas que cubran as xornadas do foro e publiquen os seus textos nos medios nos que traballan. As bases están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do pasado 11 de marzo e as solicitudes deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación.