Últimos días para participar no “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural” da Deputación

O programa de formación dixital desenvolverase nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña

10/02/2024

Últimos días para presentar solicitudes para participar como alumnado ou influencer no programa “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural”, que a Deputación de Pontevedra desenvolve nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Este programa inclúe unha formación destinada a persoas maiores de 50 anos para alfabetizalas dixitalmente e capacitalas en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas, na que se pode solicitar a participación ata o vindeiro xoves, 15 de febreiro.

As persoas interesadas en formar parte desta iniciativa como alumnado deberán cumprir as seguintes condicións: nacer antes de 1973 ou acreditar discapacidade, prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos. No caso das e dos influencers (persoas destacadas no ámbito municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais), deben ser maiores de 18 anos e estar empadroados nalgún dos concellos participantes.

Unha vez seleccionadas as e os participantes, 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas que versarán sobre a Administración electrónica, o Sergas en liña, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Cada acción formativa terá unha duración de 5 horas e ao final destas haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais e poida formular dúbidas sobre os coñecementos adquiridos.

Ligazóns de interese