A Deputación pon en marcha este domingo o street escape da camelia no Castelo de Soutomaior

A programación da institución provincial arredor da camelia complétase a próxima semana cos percorridos Camelia e saúde, que terán lugar entre o 11 e o 16 de febreiro e repetiranse entre o 11 e o 16 de marzo, para divulgar as propiedades beneficiosas desta flor na cosmética natural

06/02/2025

A Deputación de Pontevedra pon a funcionar este domingo, 9 de febreiro, ás 16.30 horas, o street escape arredor da camelia no Castelo de Soutomaior. Trátase dunha experiencia similar aos coñecidos escape rooms, pero ao aire libre, na que as e os participantes deberán resolver a través dunha ruta circular de dúas horas enigmas e probas nos xardíns do castelo. O street scape é unha experiencia dixitalizada, gratuíta e para todos os públicos, na que só é necesario o teléfono móbil e conexión a internet para poder ler o código QR dispoñible no despacho de billetes do castelo e seguir a actividade.

Entre o martes 11 de febreiro e o domingo 16 terán lugar novas visitas guiadas temáticas polos xardíns do Castelo de Soutomaior para descubrir as camelias e a súa relación coa saúde e a cosmética natural. Estas visitas, que seguen as iniciadas a pasada semana que estiveron centradas na relación da camelia coa moda, terán lugar ás 16:00 horas de martes a xoves e a fin de semana ás 11:00 horas, cunha duración de 90 minutos. Serán dirixidas por persoal do Castelo e teñen un custe de 3 euros, con entradas á venda na web do Castelo de Soutomaior.

Ao longo de febreiro e marzo será posible gozar tamén doutros percorridos especiais centrados na relación da camelia con diferentes ámbitos como a literatura, con percorridos do 25 de febreiro ao 2 de marzo e do 25 ao 30 de marzo, ou a moda, con visitas entre o 4 e o 9 de marzo. Os percorridos centrados na relación entre camelias e saúde repetiranse entre o 11 e o 16 de marzo e ademais están programadas visitas guiadas grupais, para escolares e tamén percorridos individuais para coñecer o xardín de excelencia internacional.

Obradoiros e contacontos

Ademais, a Deputación de Pontevedra tamén deseñou diferentes obradoiros arredor da camelia, tanto para nenos como para público adulto. Desta maneira, os días 16 de febreiro e 16 de marzo, ás 11:00 horas e cunha duración de dúas horas, terá lugar un obradoiro de ecoprint, é dicir, estampaxe botánica dirixido a un público adulto, cun aforo máximo de 30 persoas e un prezo de 8 euros.

Para os pequenos e pequenas a partir de tres anos haberá dous obradoiros diferentes. Por unha banda, un de origami, “Arte con papel”, que terá lugar os días 22 de febreiro e 22 de marzo ás 16:30 horas, e, pola outra, o de pintura ao aire libre, “Pinceladas de Camelia”, que terá lugar o 2 de marzo tamén ás 16:30 horas. Ambos obradoiros teñen un prezo de 8 euros e, mentres que o primeiro ten un aforo máximo de 20 persoas, o segundo é de 30.

Ademais, os días 23 de febreiro e 23 de marzo, ás 16:30 horas e cunha duración dunha hora, terá lugar o contacontos “Lendas que florecen”, que incluirá relatos inspirados na maxia das camelias e na historia do castelo. Pensado para público infantil a partir dos 3 anos, ten un aforo máximo de 30 persoas e as entradas teñen un prezo de 8 euros.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.