A Deputación pon en marcha esta fin de semana no Castelo de Soutomaior o obradoiro “Arte con papel” e o contacontos “Lendas que florecen”

A próxima semana, entre o 25 de febreiro e o 2 de marzo, arrancarán os percorridos especiais centrados na relación da camelia coa literatura, que se repetirán entre o 25 e o 30 de marzo

19/02/2025

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana no Castelo de Soutomaior o obradoiro “Arte con papel” e o contacontos “Lendas que florecen”, dirixidos a nenas e nenos a partir dos tres anos de idade. Ambas actividades, que terán lugar o sábado e o domingo ás 16:30 horas respectivamente, son oportunidades únicas para que as nenas e nenos se acheguen á camelia. Do mesmo xeito, a próxima semana, entre o 25 de febreiro e o 2 de marzo, terán lugar os percorridos especiais centrados na relación da camelia coa literatura, que se repetirán entre o 25 e o 30 de marzo.

O obradoiro de “Arte con papel”, que se desenvolverá este sábado e tamén terá lugar o 22 de marzo, trátase dunha actividade creativa dunha hora e media de duración na que as nenas e nenos poderán dar vida a fermosas camelias a través de tres actividades cheas de arte e creatividade: origami, flores con papel e collage floral. As entradas para participar nesta actividade poden adquirirse na web do Castelo de Soutomaior.

Pola súa banda o contacontos “Lendas que florecen”, que  terá lugar o domingo e repetirase tamén o 23 de marzo, permitirá que o público infantil descubra durante unha hora a maxia das lendas a través do teatro de sombras que da vida á historia da camelia nun espectáculo que combina narración, arte visual e tradición. As entradas para participar nesta actividade poden adquirise na web do Castelo de Soutomaior.

Ademais destas dúas actividades, segue operativo o street escape da camelia, experiencia similar aos coñecidos escape rooms pero ao aire libre, no que as e os participantes deberán resolver a través dunha ruta circular de dúas horas enigmas e probas nos xardíns do castelo. O street scape é unha experiencia dixitalizada, gratuíta e para todos os públicos, na que só é necesario o teléfono móbil e conexión a internet para poder ler o código QR dispoñible no despacho de billetes do castelo e seguir a actividade.

E, de cara á próxima semana, será posible gozar dos percorridos especiais centrados na relación da camelia coa literatura, que terán lugar entre o 25 de febreiro ao 2 de marzo e que se repetirán entre o 25 ao 30 de marzo. Xa de cara a marzo terán lugar visitas nas que se relacionará a camelia coa moda (entre  o 4 e o 9 de marzo) e coa saúde (entre o 11 e o 16 de marzo). Ademais, están programadas visitas guiadas grupais, para escolares, percorridos individuais para coñecer o xardín de excelencia internacional, e obradoiros de pintura (2 de marzo) e de ecoprint (16 de marzo).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.