Luis López celebra o éxito da programación da camelia no Castelo de Soutomaior, con máis de 4.500 visitantes nos meses de febreiro e marzo
Un 30% das persoas que participaron nas visitas guiadas proviñeron de fóra de Galicia, e preto de 1.000 persoas descargaron o QR para desfrutar da novidade deste ano, o street scape
04/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo hoxe en conferencia de prensa un balance das actividades postas en marcha no Castelo de Soutomaior nos meses de febreiro e marzo no marco da campaña da camelia. Unhas actividades que "tiveron un grande éxito", que incluíron obradoiros, contacontos e visitas guiadas para coñecer a flor das Rías Baixas e que levaron a preto de 4.500 persoas ao Castelo de Soutomaior ao longo destes meses. "Seguimos avanzando para desestacionalizar o turismo, para internacionalizar a demanda, con actividades como esta arredor da Camelia e no Castelo de Soutomaior, bastión e un dos grandes atractivos turísticos do noso territorio", confirmou López".
Un 30% das persoas que participaron nas visitas guiadas da camelia ao longo do mes de marzo proviñeron de fóra de Galicia, na súa maioría de Madrid, Castela e León e Andalucía, pero tamén de Portugal e Francia.
Ademais, máis de 520 alumnos e alumnas de 12 colexios de Soutomaior, Vigo, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Cambados, O Porriño o A Cañiza tiveron a posibilidade de descubrir o Castelo e os seus xardíns, descubrindo diferentes matices das camelias.
Pola súa banda, ata máis dun centenar de persoas participaron nos diferentes obradoiros, de origami, pintura e ecoprint, e nos contacontos. Ademais, o presidente provincial confirmou o grande éxito da novidade deste ano, o street scape, no que os participantes tiñan que resolver enigmas e probas nos xardíns do castelo. De feito, entre febreiro e marzo foron preto de 1.000 as persoas que descargaron o QR para poder realizar esta actividade.