A Deputación organiza este domingo unha ruta ornitolóxica pola contorna do río Lérez e o Complexo Intermareal Combarro-Lourido

Trátase da segunda ruta do programa provincial “Voando nas Rías Baixas”, impulsado pola institución provincial da man de SEO/BirdLife, que esgotou nunhas horas as prazas ofertadas

08/02/2024

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 11 de febreiro unha ruta ornitolóxica polo esteiro do río Lérez e o Complexo Intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio). Trátase da segunda ruta deste ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, impulsado pola institución provincial da man de SEO/BirdLife, que esgotou nunhas horas as 25 prazas ofertadas.

O Lérez verte as súas augas sobre o mar ao fondo da ría de Pontevedra e achégalle ricos sedimentos a un interesante intermareal no que as áreas de lodo e area atraen unha gran diversidade de aves. Neste espazo destacan as limícolas, coma o pilro común, a píllara cincenta, a píllara real, o mazarico chiador, o virapedras, o bilurico patirrubio, a gaivota ou o bilurico das rochas. Non faltan as aves mariñas, coma o mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande; os ardeidos, coma a garza real ou a garzota; incluso é posible atopar algún cullereiro.

O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade; recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais destes percorridos polo esteiro do río Lérez e polo Complexo Intermareal Combarro-Lourido, outras cinco rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000. Deste xeito, en abril terá lugar unha camiñada polas ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), en maio pola serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.