Rafa Domínguez recibe en Santa Clara á artista greco-exipcia Farida El-Gazzar e confirma que será unha das participantes da Bienal de Arte

Na súa visita, a artista percorreu da man do vicepresidente provincial as instalacións do Convento de Santa Clara

29/08/2024

Rafa Domínguez recibe a Farida El-Gazzar Santa Clara

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de recibir en Santa Clara á artista grego-exipcia Farida El-Gazzar e confirmou que será unha das participantes da recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, a artista percorreu da man de Domínguez as instalacións do Convento de Santa Clara.

A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, “situará –asegurou o vicepresidente provincial- a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia”. Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais” a Bienal atraerá a artistas destacados como Francesc Torres e Farida El-Gazzar, que esta semana foron confirmados por Rafa Domínguez, e a outros moitos de relevancia internacional, promovendo o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Farida El-Gazzar naceu en 1975 en Alexandría, Exipto, pero está afincada en Atenas (Grecia). Foi cofundadora do equipo creativo WARDA. Formouse na Escola de Arte e Deseño Vakalo de Atenas e tamén na Universidade de Kingston de Londres e no Royal College of Art da citada cidade británica. Ten realizado residencias en Bahréin ou O Cairo e recibiu numerosos premios. Ademais a súa obra foi exposta en cidades de todo o mundo como Nova  York, Miami, Londres, Dubai, O Cairo ou Atenas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.