Luis López salienta que o +Provincia mobilizará preto de 1 millón de euros para que cinco concellos impulsen novos investimentos e contraten 24 persoas

Os novos recursos beneficiarán os concellos de Baiona, Barro, Cambados, A Estrada e Mondariz

02/04/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 950.000 euros para que cinco concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten 24 persoas ao abeiro da liña 1, de investimentos, e da liña 3, de activación de emprego, do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, A Estrada, Mondariz, Barro e Cambados. Con estas novas achegas, como explicou o presidente provincial, Luis López, son xa máis de 14 millóns os aprobados ao longo deste ano a través deste plan para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Un “programa de obras e servizos histórico da Deputación” para o que estas entidades aínda poden presentar solicitudes ata o mércores 3 de abril.

No caso da liña 3, de activación de emprego, o presidente provincial informou de que se aprobaron 295.000 euros para contratar 24 persoas desempregadas nos concellos de Barro e Cambados. En concreto, Cambados recibirá 200.054 euros para contratar 17 persoas como varredoras (6), operarias de mantemento de instalacións (2), limpadoras (2), administrativas (2), técnicas de medio ambiente e xestión de residuos (1), oficial de residuos (1), oficial de cultura (1), conserxe (1) e laceira (1). Pola súa banda, Barro contará con 94.879 euros para contratar sete persoas que desempeñen os postos de peoas de parques e xardíns (4), peoas de transportes (1), condutora (1) e monitora sociocultural (1).

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou máis de 650.000 euros para tres concellos: 246.590 euros para Baiona, 334.528 euros para A Estrada e 73.485 euros para Mondariz. Trátase nos tres casos de proxectos financiados ao 100 % con fondos da Deputación, grazas a achegas do Plan +Provincia e doutras liñas provinciais de axudas.

Proxectos financiados ao 100 % pola Deputación

Nesta Xunta de Goberno aprobouse destinar case 455.000 euros á Estrada: 334.000 do Plan +Provincia e 120.000 do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, cos que o Goberno local poderá financiar o 100 % da actuación de mellora das piscinas municipais. En concreto, rehabilitarase o vaso máis grande, instalaranse accesorios, fontanería e un equipo de depuración da auga, renovaranse o cadro eléctrico e os equipos de tratamento de auga e construirase un local técnico.

No caso de Baiona, tal e como informou o presidente provincial, son 327.000 euros os recursos provinciais aprobados nesta Xunta de Goberno: 246.000 euros do +Provincia e 81.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas provinciais, cos que o concello poderá sufragar o 100 % da reforma do campo de fútbol do Aral. Trátase dunha instalación deportiva que leva 20 anos aberta e precisa reparar os elementos deteriorados, ademais de adaptala ás necesidades das e dos seus usuarios. En concreto, reformaranse os vestiarios para xerar catro accesibles, e renovarase a fontanería e o saneamento. Ademais, repararase a cuberta da bancada norte e instalarase unha viseira para reducir os cegamentos e os impactos do vento e crearase unha cuberta na bancada sur. Finalmente, mellorarase a iluminación pasando de catro a oito luminarias e substituirase o peche perimetral actual.

Por último, Mondariz contará con 475.000 euros que proveñen do Plan PON2030 (máis de 400.000 euros) e do Plan +Provincia (73.000 euros) para reformar o campo de fútbol da Lagoa na vila. Neste caso a Deputación de Pontevedra tamén sufraga o 100 % da obra, que permitirá ademais crear unha zona de deportes na zona norte do complexo deportivo, substituír o pavimento, crear novas pistas deportivas, urbanizar a contorna, crear un espazo para aulas deportivas e almacéns e subministrar novos paneis fotovoltaicos.

videos

audios