A Deputación dá comezo esta semana a dous novos obradoiros do programa “Provincia activa”, co que busca impulsar o envellecemento activo

O mércores 28 un grupo de 16 persoas de Cangas comezará un obradoiro centrado en plantas medicinais e o sábado 31 outras 17 persoas de Covelo iniciarán un curso de bailes de salón

26/08/2024

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros do programa “Provincia activa”, co que a institución impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, fomenta a participación e crea espazos de encontro e intercambio de experiencias. Ata 33 persoas de Cangas e Covelo comezarán a desfrutar das actividades formativas do programa a partir desta semana.

O mércores 28 de agosto 16 persoas da Asociación de Veciños Espiñeira-San Cibrán de Cangas comezarán un curso centrado en plantas medicinais no local da asociación veciñal. Pola súa banda, o sábado 31 outras 17 persoas da Asociación Cultural Virxe da Luz de Casteláns de Covelo iniciarán un obradoiro de bailes de salón na casa cultural de Casteláns.

En total, a Deputación ofertou neste 2024 14 obradoiros no catálogo de “Provincia Activa” divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento”  (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). “Provincia Activa” conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e están a desfrutar dos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.