A Deputación abre este venres o prazo para solicitar algunha das 130 actividades do programa Provincia Activa
As entidades interesadas terán un mes para solicitar algún dos obradoiros do programa que con 146.000 euros pretende favorecer o envellecemento activo
19/12/2024
A Deputación de Pontevedra abre este venres 20 de decembro o prazo para que as entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores da provincia poidan solicitar algunha das 130 accións formativas que se realizarán no marco do programa Provincia Activa. Trala publicación este xoves das bases da nova edición do programa no BOPPO, a institución provincial activa unha nova edición desta iniciativa destinada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros, cun orzamento de 146.000 euros.
Con máximo de 25 prazas por cada obradoiro, o programa suporá a mobilización de arredor de 3.000 persoas nas 130 accións previstas. Poderanos solicitar entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra, e poderán participar neles persoas a partir dos 50 anos. Cada entidade unicamente poderá solicitar un dos obradoiros ofertados, que se enmarcan en cinco liñas temáticas.
O catálogo de cursos de Provincia Activa abarca temáticas relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais. En concreto, a Deputación ofertará cursos de pilates, ioga, ximnasia de mantemento, conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, terapia emocional, teatro, plantas medicinais, restauración de mobles, bailes de salón, pandeireta, canto popular, habilidades dixitais e informática.
Cada obradoiro terá unha duración de 30 horas e impartirase en xornadas de entre unha e tres horas á semana ao longo do ano 2025. O obxectivo de Provincia Activa é favorecer a participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias, así como impulsar a independencia das persoas maiores para evitar o seu illamento e as situacións de soidade non desexadas.