Rafa Domínguez asina a prórroga do convenio co Concello de Pontevedra co que a Deputación financia integramente as obras do novo campo de fútbol de Salcedo

17/12/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asinou este martes no Concello de Pontevedra a prórroga para as obras de execución do novo campo de fútbol de Salcedo, financiadas integramente pola institución provincial cun investimento de 1,9 millóns de euros. Por mor dun retraso na subministración dos materiais cos que poder completar a cuberta da rampla de acceso á grada, Deputación e Concello acordaron ampliar en dez meses a data de finalización do convenio, pasando do 31 de decembro anterior ao 31 de outubro de 2025.

O vicepresidente provincial sinalou a importancia desta nova infraestrutura deportiva para a cidade, saldando unha débeda histórica para a parroquia. Domínguez tamén a puxo como un exemplo “da aposta que estamos a facer desde a Deputación na cidade de Pontevedra, onde só neste ano investimos 15 millóns de euros para ter unha cidade de futuro, con infraestruturas e equipamentos do século XXI, que se converta nun referente cultural internacional e comprometida coa súa veciñanza”. O vicepresidente tamén salientou a colaboración e lealdade institucional co Concello, traballando da man no proxecto malia as dificultades burocráticas.