A Deputación aproba 130.000 euros para colaborar co Concello de Pontevedra no desenvolvemento de actividades culturais e de promoción da cidade
“Seguimos, un día máis, cumprindo con Pontevedra e impulsando o benestar dos pontevedreses desde o goberno provincial”, remarcou Luis López
29/11/2024
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe un novo convenio co Concello de Pontevedra dotado con 130.000 euros e financiado ao 100% pola institución provincial, para o desenvolvemento de actividades culturais, de lecer e de promoción da cidade. “Seguimos, un día máis, cumprindo con Pontevedra e impulsando o benestar dos pontevedreses desde o goberno provincial”, asegurou o presidente Luis López.
O novo acordo entre a Deputación e o Concello de Pontevedra permitirá desenvolver actividades culturais, divulgativas e de lecer neste mes de decembro, entre as que destacan a posta en valor do cemiterio de Santo Amaro, o fomento e divulgación da obra pictórica de Manuel Moldes ou os festivais Sons de Outono e de Panxoliñas, así como a dinamización de rúas e prazas do centro histórico no Nadal.
Ademais, cos recursos provinciais tamén se realizarán actividades para a promoción da actividade económica e do comercio local de Pontevedra durante a campaña de Nadal, así como o acto de presentación da serie documental Nacogallegos II.