A Deputación asiste aos primeiros adestramentos no campo de fútbol de Berdón, renovado con 180.000 euros de fondos provinciais
Os deputados provinciais Javier Tourís, Marcos Guisasola e Isabel Couselo asistiron á instalación deportiva que foi remodelada integramente con recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
28/10/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de asistir aos primeiros adestramentos no campo de fútbol de Berdón, renovado con 180.000 euros de fondos provinciais. Os deputados Javier Tourís, Marcos Guisasola e Isabel Couselo asistiron á instalación deportiva que foi remodelada integramente con recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Vilagarcía -recordou Tourís- con 206.000 euros foi o concello máis beneficiado por este plan que no 2025 duplicará o seu orzamento, pasando dos 4 aos 8 millóns de euros”.
O deputado provincial recordou que ademais deste “espectacular campo”, no que a Deputación investiu 180.000 euros, os recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas tamén chegaron a Vilagarcía para financiar a adquisición dun videomarcador para a Lomba, por valor de 22.000 euros, e de 540 asentos para o pavillón de Fontecarmoa, cun investimento de 8.000 euros. “Entre este ano e o próximo -afirmou Tourís- Vilagarcía recibirá máis de medio millón de euros para impulsar novos equipamentos deportivos ou mellorar infraestruturas”.
O campo de fútbol de Berdón contaba ata a data cun céspede moi deteriorado, que se tiña instalado fai xa 14 anos. Cos recursos provinciais, esta infraestrutura deportiva de alta demanda entre os clubs deportivos de Vilagarcía, conta desde hoxe mesmo cun céspede renovado que cumpre cos requisitos de calidade e seguridade para a práctica deportiva. Deste xeito, a renovación vai permitir que as instalacións poidan ser empregadas por equipos de fútbol 7, 8, 11 e rugby.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación permitiu aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes promover 59 proxectos cunha mobilización total de 7 millóns de euros. Soamente na contorna de Arousa impulsáronse 14 actuacións, entre elas as de Berdón, A Lomba e Fontecarmoa de Vilagarcía, que mobilizaron 1,5 millóns de euros e que contaron con preto de 750.000 euros de financiamento provincial.