A Deputación destina 200.000 € á posta en marcha un novo asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas

A Xunta de Goberno provincial adxudicou a prestación deste servizo que se desenvolve no marco do proxecto “Tourist Inside II”, co que a Deputación de Pontevedra está a transformar provincia de Pontevedra como Destino Turístico Intelixente

12/07/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por pouco máis de 200.000 euros a posta en marcha dunha plataforma semántica e asistente conversacional. Esta actuación, tal e como explicou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, enmárcase no proxecto “Tourist Inside II”, financiado con fondos europeos, co que a Deputación de Pontevedra está a transformar a provincia como Destino Turístico Intelixente. “Sumámonos así ás vangardas, ás novas tecnoloxías, e introducimos a intelixencia artificial na xestión do turismo para seguir avanzando para que todo o mundo poida coñecer e veña a vivir, aquí, as múltiples experiencias 100% Rías Baixas”, asegurou Domínguez.

A través desta iniciativa dotarase á web de Turismo Ría Baixas dun asistente conversacional, os coñecidos como chabots intelixentes, que aproveitará os fluxos de datos e proporcionará ás persoas usuarias información de interese para dar resposta ás súas preguntas.

O proceso que se pon en marcha con este contrato incluirá a creación dunha plataforma semántica, é dicir, unha estrutura que almacene, xestione e analice os datos, sincronizándose á vez coa información existente, para poder interpretar a información e dar, así, resposta ás demandas dos viaxeiros, logrando un turismo máis personalizado e diferenciador.