A Deputación habilitará un sistema de control de capacidade e fluxos de persoas en seis puntos de información turística da provincia
No marco do proxecto “Tourist Inside II” a institución provincial tamén desenvolverá un programa formativo sobre a xestión de destinos turísticos intelixentes para persoal técnico turístico dos municipios
20/09/2023
A Deputación de Pontevedra segue fomentando novas medidas para impulsar a transformación dixital do destino Rías Baixas a través do programa “Tourist Inside II”. Nesta ocasión, trátase de dúas novas iniciativas coas que, por unha banda, a Deputación dotará seis oficinas de información turística da provincia dunha ferramenta para xestionar o fluxo de persoas e controlar a capacidade, e, ademais, tamén poñerá en marcha un curso en liña para formar o persoal das oficinas na xestión de destinos turísticos intelixentes. Ambas as dúas medidas suporán un investimento de 36.000 euros.
No referido á ferramenta de xestión do fluxo de persoas e control da capacidade e distanciamento social nas oficinas adheridas á rede Info Rías Baixas, beneficiaranse o palacete das Mendoza (sede central e punto de información de Turismo Rías Baixas en Pontevedra) e outros cinco puntos dos 32 que compoñen a rede, concretamente as oficinas turísticas dos concellos de Baiona, Mondariz-Balneario, Redondela, Sanxenxo e Tui, todas elas cunha superficie de máis de 50 m2. A plataforma e os dispositivos asociados permitiranlle á Deputación obter información estratéxica e operativa para avanzar na mellora dos servizos que presta actualmente a rede. De feito, os datos, que se obterán en tempo real e con alta precisión, permitirán unha xestión máis intelixente e mellorada para darlles un mellor servizo ás persoas visitantes.
En canto á formación que recibirá o persoal das oficinas, trátase dun curso en liña de 40 horas de duración que permitirá responder á demanda de formación das e dos técnicos turísticos municipais do destino Rías Baixas no campo da xestión intelixente. O programa teórico-práctico permitiralles coñecer os principais conceptos do modelo de Destino Turístico Intelixente (DTI) para axudar a que a provincia de Pontevedra se converta nun espazo innovador e xerador de intelixencia turística.
“Tourist Inside II” é un programa da Deputación de Pontevedra que busca avanzar na transformación dixital da provincia de Pontevedra como DTI, para mellorar a eficiencia enerxética e mediante a vixilancia tecnolóxica asociada á actividade turística da provincia. Un dos seus puntos é a dixitalización ao completo da rede de oficinas e puntos de información Info Rías Baixas, cuxo persoal xestor e responsables técnicos deben obter capacitación e sensibilización para poder avanzar nese camiño. O programa está financiado cos fondos Next Generation da Unión Europea , concretamente polo programa de axudas á transformación dixital e modernización das entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.