A Deputación ultima as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, o tramo de 1.200 metros no que a institución está a investir máis de 400.000 euros

03/09/2024

obras de ensanche

A Deputación de Pontevedra ultima as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela en Cerdedo-Cotobade. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, o tramo de 1.200 metros no que a institución está a rematar a actuación na que investiu máis de 400.000 euros.

Tal e como recordou a deputada provincial, ata o de agora, a estrada tiña un ancho medio de 4,5 metros, carecía de beiravías e presentaba un trazado sinuoso, cunha sucesión de curvas entrelazadas de pequeno radio onde a visibilidade para os vehículos era practicamente inexistente. Ademais, a vía tiña problemas en canto á drenaxe da plataforma que xeraban acumulacións de auga nos días de fortes precipitacións. Deste xeito, a actuación desenvolvida, tal e como remarcou a deputada provincial “trátase dunha obra moi demandada polos veciños e o alcalde da vila que, por fin, estase a converter en realidade”.

Nestes momentos as obras están practicamente rematadas a falta da capa de aglomerado e da instalación da correspondente sinalización horizontal e vertical, así como doutros elementos de seguridade. A deputada provincial Isabel Couselo recordou que a actuación contemplou a execución de muros de contención de terra nos últimos 120 metros, co fin de solucionar a altura existente entre a estrada provincial e o rego de Portaquintás. Tamén se solucionou o problema de drenaxe da plataforma, se realizou a ampliación do ancho da sección transversal da vía ata os 7 metros actuais, e corrixiu o trazado de diversas curvas para mellorar a súa visibilidade. Ademais, creáronse beiravías de 0,50 metros en ambas marxes da estrada.

A esta actuación na EP-7102 Serrapio-Portela, onde a Deputación de Pontevedra está a investir máis de 400.000 euros, súmase outra que a institución ten tamén en marcha no concello, na EP-0405 A Xesteira-Almofrei na que está a investir preto dun millón de euros. Nesta estrada estanse rematando cos traballos de movementos de terras, así como a execución de muros de contención e estase a iniciar a execución das redes soterradas contempladas no proxecto.

Galerias de imaxes