A Deputación inicia a próxima semana nove novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

170 veciños de 7 concellos comezarán accións centradas en pandeireta e canto popular, ximnasia de mantemento, bailes de salón, pilates ou, entre outras, risoterapia

19/09/2024

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros de Provincia Activa, programa co que a institución provincial impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. A próxima semana, entre os días 23 e 28 de setembro, comezarán nove novos obradoiros doutras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 170 veciños de sete concellos da provincia: A Lama, Campo Lameiro, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Os primeiros obradoiros serán o luns 23 de setembro, cando 19 persoas da Asociación de Xubilados de Vilalonga, de Sanxenxo, comezarán un curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores. Xa o martes, 24 de setembro, darán comezo as súas accións formativas 25 maiores da Asociación de Xubilados e Pensionistas San Estevo de Noalla (Sanxenxo), que impartirán o curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores; 15 da Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía de Arousa) o de pandeireta e canto popular, e 18 da Asociación de Veciños As Fontes de Lavadores (Vigo) o de pilates.

O mércores 25 de setembro serán 20 os usuarios de ATEGAL, en Vigo, os que comezarán o curso de bailes de salón. Pola súa banda, o venres 27 de setembro 24 usuarios da Asociación Veciñal de Praderrei (Campo Lameiro) comezarán o curso de risoterapia; 15 da Asociación Cultural San Mateo (Ponteareas) o de conservando a memoria, e 18 da Sociedade Cultural do Viso (Redondela) o de restauración de mobles e tapicería. Ese mesmo curso será o que comecen 16 usuarias da Asociación de Mulleres de Seixido (A Lama) o sábado 28 de setembro.

En total, a Deputación ofertou catorce tipos de obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques: Benestar natural (Plantas medicinais), Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e están a participar nos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.