A Deputación leva este domingo a Ponte Caldelas unha actuación de SonDeSeu no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial forma parte da programación de actividades da Festa das Dores

24/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical da Orquestra Folk SonDeSeu que se celebrará este domingo 25 de agosto a partir das 21:00 horas na Alameda de Ponte Caldelas. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Os concertos de SonDeSeu son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana. Integrada por gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada, a agrupación musical comezou a súa andaina en 2001 no seo do antigo Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo (a actual ETRAD). SonDeSeu aposta polo valor da música de raíz e está situada como un referente da música galega no panorama internacional.

O concerto da Orquestra Folk SonDeSeu forma parte da programación da Festa dos Dores de Ponte Caldelas é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.