A Deputación leva este domingo a Cerdedo-Cotobade a proxección de “A nave das Marías” no marco do Ciclo Mestre Mateo

O ciclo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual, chegará tamén aos concellos de Ribadumia, Moraña e As Neves

25/10/2024

O Centro Cultural de Cerdedo acolle este domingo 27 de outubro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 18:30 horas, exhibirase o documental “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”, da ONG Ecos do Sur.

O documental “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías” fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social. Céntrase na peza teatral “A nave das Marías”, creada dentro dun programa da ONG Ecos do Sur para facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes impulsando procesos de sensibilización social en cuestión de xénero. Desta maneira, na longametraxe as persoas implicadas no proceso de creación desta peza contan en primeira persoa como as clases de teatro e o proceso creativo influíron nese momento das súas vidas.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará, ademais de a Cerdedo-Cotobade, a  Moraña, As Neves e Ribadumia. Dentro deste ciclo poderá desfrutarse das películas “Salta!”, “Fatum”, “O Corno” e “Matria”. En canto a documentais, ademais de “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”, tamén se proxectarán “A viaxe de Lucy”, “Chichi e mais eu” e a gañadora do Mestre Mateo ao mellor documental “Os espazos en branco”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.