A Deputación leva este domingo a Cerdedo-Cotobade a proxección de “O Corno” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A película poderá na Casa do Pobo de Viascón ás 18:30 horas

08/11/2024

A Casa do Pobo de Viascón, en Cerdedo-Cotobade, acolle este domingo 10 de novembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra coa finalidade de achegar as longametraxes e curtametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, que comezará ás 18:30 horas, exhibirase o filme “O Corno”, dirixido por Jaione Camborda.

“O Corno” converteuse na primeira película en galego en obter a Cuncha de Ouro do Festival de Cinema de San Sebastián e, ademais, conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra ao ser unha produción audiovisual rodada na provincia. Está ambientada na Illa de Arousa no ano 1971, e narra a vida de María, unha muller que gaña a vida mariscando e é coñecida na illa por axudar a outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un suceso inesperado, ten que fuxir e loitar pola súa supervivencia cruzando a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo chegará aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “O Corno”, tamén haberá proxeccións de “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “¡Salta!”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “Chichi e mais eu” e “Os espazos en branco”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.