A Deputación leva este luns ao Salnés o circuíto +Escénicas con dous espectáculos de Nadal para os máis cativos

No Grove representarase o espectáculo “No Nadal toca… Maxia!”, de Magia en la Manga, mentres que na Illa de Arousa representarase “O castiñeiro do Apalpador” da man da compañía Fantoches Baj

22/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este luns 23 de decembro o circuíto +Escénicas aos concellos do Grove e da Illa de Arousa con dúas pezas de teatro infantís ambientadas no Nadal. Ambos os dous espectáculos enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“No Nadal toca… Maxia!”, de Magia en la Manga, representarase na Casa da Cultura do Grove a partir das 18:00 horas. As festas de Nadal sempre son unha ocasión especial, e este espectáculo quere facelas aínda máis máxicas. Ademais de ser participativo, divertido e moi máxico, a función dará un toque único á celebración cun fondo de escenario de Nadal e maxia pensado especialmente para estas datas.

“O castiñeiro do Apalpador”, de Fantoches Baj, representarase no Auditorio municipal da Illa de Arousa ás 18:30 horas. Trátase dunha actividade de teatro infantil creada a partir da tradición popular. O Apalpador, preocupado de que non lle rouben as castañas, coñece unha vella aterecida de frío e de fame. Compadecido, ofrécelle teito e castañas do seu magosto, e a vella (que resulta ser unha meiga) ofrece cumprirlle tres desexos. Con estes tres desexos conseguirá vencer a Morte, e cando o Gobernador do mundo ve os efectos devastadores da desaparición da Morte obrigarao a ceibala asegurándose de que a el non lle toque xamais. Convertido nun ser inmortal e liberado da necesidade de comer, vendo que as castañas se lle estragan todos os anos decide repartírllelas aos nenos que pasan fame. Por iso, desde aquela, percorre o mundo deixándolle unha presiña das castañas do seu castiñeiro a aqueles que a teñen baleira.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.