A Deputación leva este mércores a Vilanova o circuíto +Escénicas con “Cantaxoga”, de Migallas Teatro

O espectáculo infantil poderá verse ás 12:00 horas no primeiro andar da confraría

02/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este mércores 4 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Vilanova de Arousa co espectáculo infantil “Cantaxoga”, da compañía Migallas Teatro. A función comezará ás 12:00 horas no primeiro andar da confraría (antiga Casa do Mar), e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

No espectáculo teatral e musical “Cantaxoga”, María Campos e Carlos Yus interpretan en directo cancións dos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo” na compañía dunha banda de pulgas e realizan números cómicos relacionados cos contidos das cancións. Entre outros obxectivos, este espectáculo ten como finalidade demostrar que na lingua galega, ademais da música tradicional, teñen cabida todos os estilos e tendencias musicais: rock, cumbia, rap, reggae, pasodobre, rumba, fusión étnica… Un dos números, de feito, é “O rap da lingua“, onde se anima dun xeito humorístico a falarlle en galego ás nenas e nenos.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

 

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.