A Deputación leva este sábado o teatro a Mondariz-Balneario a través do circuíto +Escénicas
Representarase o espectáculo “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, de De Ste Xeito Producións, ás 20:00 horas na Sala de cultura
10/12/2024
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 14 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Mondariz-Balneario co espectáculo de teatro “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, da compañía De Ste Xeito Producións. A función enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
En Mondariz-Balneario representarase “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, unha comedia que aborda a saúde mental. Os protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Algunhas intentan agochalas, outras exhíbenas orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Edu e Sonia viviron no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos nin amantes, senón ex, de quen saben ata o seu grupo sanguíneo pero actúan como perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias e teñen que poñer a proba de novo a compatibilidade das súas neuras. O espectáculo está pensado para público a partir dos 12 anos e representarase ás 20:00 horas na Sala de cultura.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.