A Deputación celebra este sábado no Castelo de Soutomaior a xornada de peche do programa +Bosques

Preto de 200 persoas que asistiron ás rutas organizadas este verán no marco do programa provincial participarán nunha xornada de degustación de produtos autóctonos

07/11/2024

A Deputación de Pontevedra pon este sábado o broche de ouro ao programa provincial +Bosques cunha xornada de peche na que reunirá, no Castelo de Soutomaior, a preto de 200 persoas. A xornada consistirá nunha degustación de produtos típicos das zonas forestais da provincia que puideron coñecer polo miúdo nas rutas, tales como setas, castañas ou froitos do bosque. Esta actividade comezará arredor das 12:00 horas e contará coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado do deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

+Bosques trátase dunha iniciativa da institución provincial que promoveu o contacto directo coa natureza, permitindo ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques” a través de preto de 40 percorridos que se celebraron entre xuño e outubro en sete espazos naturais da provincia tanto da costa como do interior da provincia: os ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), cabo Udra (Bueu), a illa de Tambo (Poio), o lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o pazo de Lourizán (Pontevedra).

Todas as rutas do programa proporcionaron ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, +Bosques promoveu a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

O programa pechou a súa primeira edición cun grande éxito, conseguindo esgotar todas as prazas dispoñibles en cuestión de minutos desde a apertura do prazo, o que supuxo a participación de preto de seiscentas persoas nas preto de 40 actividades organizadas.