A vicepresidenta Luisa Sánchez remarca o carácter único do Galician Freaky Film Festival no circuíto audiovisual pontevedrés

25/05/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta mañá na presentación do Galician Freaky Film Festival onde remarcou o carácter único e singular deste evento no marco do circuíto audiovisual pontevedrés. “Aínda que todos os festivais audiovisuais da provincia contan con selo propio –asegurou- vós sodes a proposta máis orixinal e distintiva de cantas se celebran no noso territorio”. O festival, que terá lugar en setembro, ten aberto ata o 10 de xuño o prazo de presentación das propostas.

Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para poñer en valor a “enorme capacidade de unir da cultura, de facernos desfrutar e, por suposto, reflexionar sobre as cuestións que definen o panorama actual ou a nosa condición humana”. E, neste eido, asegurou que a Deputación “cree nela, no seu poder de dinamización dos nosos pobos e na importancia de que chegue a todos os recunchos do noso territorio”.