Luis López sinala o apoio de 165.000 euros aos festivais de cinema da provincia, 15.000 euros máis que no 2023, como mostra da aposta da Deputación polo sector audiovisual

O presidente provincial animou aos organizadores de festivais a presentar solicitudes para esta liña de subvencións, que manterá aberto o prazo ata o vindeiro 11 de maio

25/04/2024

Luis López na pressentación do Play-Doc 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o incremento do orzamento da liña de axudas do organismo provincial destinadas á celebración de festivais de cinema por parte de organizacións sen ánimo de lucro como unha mostra do apoio da Deputación ao audiovisual e ao tecido cultural da provincia. Na presentación do festival Play-Doc, o mandatario provincial recordou que está aberto o prazo de solicitudes para optar a estas axudas que repartirán entre promotores de eventos como o que se celebra en Tui desde hai vinte anos un total de 165.000 euros, o que supón un aumento de 15.000 euros e unha suba do 10 % con respecto ao repartido no ano anterior.

"Esta liña de axudas encaixa á perfección con festivais como este Play-Doc de Tui, ou como Cans, no Porriño; ou o FICBueu e moitos outros que se desenvolven ao longo do ano na nosa provincia. Festivais que son referencia na difusión do cinema feito en Galicia e na lingua galega, que achegan durante días obras culturais de grande interese para a poboación e que poñen ás Rías Baixas no mapa global do cinema", sinalou Luis López.

O Play-Doc, que chega este ano ás vinte edicións, celebrarase en Tui entre os días 1 e 5 de maio. Ao longo dos cinco días de festivais, proxectaranse 13 obras que competirán na Sección Galicia e estrearase unha nova sección chamada Sombras destinada a recuperar a obra de históricos cineastas galegos. "O Play-Doc é un festival de cinema de primeira", afirmou o presidente, quen destacou a súa vocación de "protexer a nosa cultura" e o seu amplo programa que "atrae a centos de amantes do cinema á nosa provincia".

O titular do goberno provincial destacou a boa saúde que amosa o audiovisual galego, con producións tan exitosas como "O Corno" ou "Matria", e reafirmou que, na protección da cultura galega e na difusión do audiovisual pontevedrés, "hai un socio leal e un apoio sólido: a Deputación de Pontevedra". Neste sentido, López lembrou a aposta do goberno provincial pola Cultura ao incrementar o orzamento nun 20 % ata acadar os 4,7 millóns de euros ou co lanzamento de programas como o Culturea ou o + Música para espallar a cultura por toda a provincia. Do mesmo xeito, tamén hai iniciativas provinciais específicas para o cinema, como o apoio ao ConectaLab, que estase a celebrar na Illa de San Simón para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais; ou a citada liña de axudas para a organización de festivais que estará aberta ata o vindeiro 11 de maio.

Finalmente, Luis López deu os parabéns polo seu labor aos organizadores do Play-Doc, reiterou a vontade da Deputación para seguir colaborando na organización deste evento e convidou a toda a cidadanía da provincia e aos amantes do cinema a achegarse a vindeira semana a Tui para desfrutar dun "festival de primeira". "Temos a sorte de vivir nun paraíso no que non só a beleza natural é abundante, temos unha cultura infinita, un talento audiovisual enorme e uns festivais de cine que son unha experiencia 100 % Rías Baixas", rematou o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes