A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez recibe a Henrique Álvarez, Campión de España infantil de piragüismo

02/05/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, recibiu esta tarde na Sede de Vigo da institución provincial ao Campión de España infantil de piragüismo, Henrique Álvarez. Sánchez trasladou ao mozo, do Club de Piragüismo Olívico, “as felicitacións e o orgullo que sentimos en toda a provincia; unha provincia que segue a sumar puntos e a consolidarse como o berce dos mellores piragüistas do mundo”.

Álvarez alzouse co título nunha magnífica proba en Sevilla na que saíu en cuarta posición e conseguiu remontar para alzarse coa primeira posición que lle valeu a súa proclamación como Campión de España infantil. Pola súa banda o club ao que pertence está tamén a colleitar excelentes resultados xa que, á décima segunda posición que conseguiu no Campionato de España de Piragüismo de Sevilla súmase a sexta que acaba de conseguir na segunda proba de piragüismo da Liga DepoEscolas 2024, celebrada este mércores en Verducido (Pontevedra).