A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visita o Concello de Mos para analizar a situación das estradas provinciais ao seu paso pola vila

Entre outras cuestións, a deputada analizou coa alcaldesa da vila, Nidia Arévalo, o proxecto de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, á altura de Dornelas, no que a institución provincial investirá máis dun millón de euros

23/04/2024

Isabel Couselo visita o Concello de Mos

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de reunirse en Mos coa súa alcaldesa, Nidia Arévalo, e membros da Corporación local para analizar a situación das estradas provinciais ao seu paso pola vila. Entre outras cuestións, as dirixentes afondaron no proxecto de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, á altura de Dornelas, no que a institución provincial investirá máis dun millón de euros.

A actuación en Dornelas, tal e como remarcou a deputada, trátase dunha obra que se acometerá de “xeito inminente”. O proxecto atópase moi avanzado, segundo informou Couselo, e, nestes momentos, o Concello de Mos está a ultimar termos relacionados cos terreos.

Ademais da EP-2601 Mos-Puxeiros, á altura de Dornelas, a deputada provincial e a alcaldesa de Mos analizaron outros dous proxectos que se acometerán en dúas estradas provinciais ao seu paso pola localidade: a reparación de beirarrúas nun tramo de 600 metros da EP-2603 Puxeiros-Peinador e a mellora da mobilidade peonil nun tramo de 200 metros da EP-2601 Mos-Puxeiros.