O vicepresidente Rafa Domínguez participa no inicio da nova xeira de visitas guiadas a Santa Clara
07/06/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu este venres ao inicio da nova xeira de visitas guiadas ao convento de Santa Clara organizadas pola institución provincial ao longo deste mes cun enorme éxito de participación, conseguindo esgotar en só dous minutos as 120 prazas postas á disposición da cidadanía.
Á visita desta tarde seguiranlle as de mañá sábado, así como as quendas das dúas seguintes fins de semana (15, 16, 22 e 23 de xuño). Todas elas celebraranse ás 11:00 horas, guiadas polo persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra para grupos de 20 persoas e cunha duración dunha hora. Os asistentes comezaron o percorrido na igrexa e visitaron estancias como o coro baixo, o coro alto, o claustro ou a zona verde do convento, catalogado (así como a súa finca e o seu muro) como ben con protección para a conservación monumental.