Rafa Domínguez presenta a proposta deseñada para a consolidación, restauración e interconexión dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e avanza que as obras comezarán a finais do 2025

“Neste último ano traballamos de xeito discreto pero tamén intenso para avanzar nesta actuación de elevada complexidade arquitectónica para recuperar os edificios centrais do Museo, que levan once anos pechados”, remarcou Rafa Domínguez

27/06/2024

Rolda de prensa de Rafa Domínguez

Os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, que levan once anos pechados ao público, uniranse polo subsolo a través dun paso subterráneo de 500 metros cadrados. Así o desvelou esta mañá o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, quen presentou a proposta “de elevada complexidade arquitectónica” deseñada para a consolidación, restauración e interconexión accesible dos edificios centrais do Museo de Pontevedra na que ”neste último ano traballamos de xeito discreto, pero tamén intenso”. Domínguez, que recordou que nos oito anos anteriores non se produciron avances nesta materia, remarcou que “o proxecto contempla tamén a xeración dun percorrido circular por ambos edificios e a recuperación dos xardíns para integralos na cidade, seguindo un cronograma serio e obxectivo para iniciar as obras a finais de 2025”.

Para o vicepresidente provincial o punto forte do proxecto é dotar de protagonismo aos edificios de Castro Monteagudo e García Flórez, no marco da firme aposta do Goberno provincial pola cultura e por converter Pontevedra nun lugar referencial neste ámbito a nivel nacional e internacional. Recordou que inicialmente estaba previsto crear un paso subterráneo de 2000 metros cadrados pero que este espazo se reduciu aos 500 metros cadrados para “evitar causar un prexuízo importante aos veciños da contorna”. E subliñou que a actuación prevista sigue “con rigor” a normativa urbanística, directrices e regulacións para garantir a conservación do patrimonio e a integridade da contorna urbana.

“Trátase –engadiu Domínguez- de todo un reto ao que nos enfrontamos cando chegamos ao goberno da Deputación de Pontevedra e ao que, neste ano, se une o impulso á rehabilitación de Santa Clara, a recuperación da Bienal de Arte despois de 15 anos e o cambio na dirección do Museo que está a levar á entidade a acadar cotas antes nunca alcanzadas. Desafíos, todos eles, que poñen en valor o compromiso desta Deputación coa preservación cultural e o desenvolvemento sostible de Pontevedra”.

O vicepresidente provincial tamén recordou que o anterior goberno da Deputación tiña solicitado fondos europeos para esta actuación por valor de 3 millóns de euros “cun cronograma que, de antemán, se sabía que era imposible de cumprir”. Neste eido, afirmou que “non se parou de traballar durante todo este ano, con detalle milimétrico e de xeito leal co Concello de Pontevedra e con Patrimonio, reformulando os prazos para poder seguir avanzando sen perder estes recursos. Agora, todo dependerá da sensibilidade que teñan para ver os avances que fixemos e a complexidade dun proxecto destas características”.

Proxecto de consolidación, restauración e interconexión accesible dos edificios centrais do Museo de Pontevedra

Javier Reboreda, o arquitecto encargado do proxecto, detallou o proceso desenvolvido ata o momento, que inclúe dende a planimetría do edificio, ata a xeometría, estudos xeotécnicos e a análise da propia historia dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez. Tras este proceso, e partindo da necesidade de fomentar a mobilidade accesible horizontal entre os edificios existentes, a actuación contempla a interconexión polo subsolo, así como a disposición dun percorrido circular con punto de inicio no Castro Monteagudo, onde se situará a antesala e zona de ingreso, o control de seguridade e a tenda do Museo de Pontevedra. Desde este edificio e a través do subsolo (onde se situarán a nova montaxe da cámara da fragata Numancia, dúas salas anexas visitables e os aseos) accederase ao García Flórez. Unha vez visitado este último edificio poderase saír do Museo desfacendo o camiño andado para dirixirse ao Castro Monteagudo e visitar a última sala, onde está previsto expoñer a propia historia dos edificios do Museo, ou ben baixar desde a parte alta do García Flórez á pasarela que conecta ambos edificios e, a partir de aí, saír polo xardín cara o punto de inicio da visita.

No proxecto apóstase por non afectar aos edificios introducindo elementos alleos (estes trasladaranse ao subsolo). Neste eido, eliminaranse alteracións de compartimentacións e circulación existentes, así como as reixas da parte baixa dos edificios que están a producir deterioro na pedra. Ademais recuperaranse os revestimentos de cal, ao ser esta un elemento que protexe da auga e captura CO2.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.