A Deputación leva ata a Sede de Vigo a exposición “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” en colaboración co CSIC

A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, inaugurará a mostra este martes 19 de novembro, e poderá visitarse ata o vindeiro 30 de decembro

16/11/2024

A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acollerá desde este martes 19 de novembro e ata o 30 de decembro a exposición “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible”, que organiza a institución provincial co Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A mostra, que forma parte das actividades de divulgación enmarcadas dentro do convenio entre as dúas institucións para realizar intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia e o estudo dos seus materiais, será inaugurada o propio martes 19 ás 13:00 horas pola vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez.

“Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” é unha exposición que amosa as posibilidades de emprego das novas tecnoloxías na investigación arqueolóxica. Desta maneira, a través de once paneis, fai un percorrido polas novas técnicas de análise de materiais arqueolóxicos -arqueoloxía do pequeno- e as tecnoloxías de prospección e rexistro non invasoras de áreas arqueolóxicas -arqueoloxía do invisible-, ofrecendo unha ollada a algúns dos métodos e ferramentas de traballo que hoxe usa a arqueoloxía e que probablemente rachen a idea máis habitual que se ten desta disciplina.

Os once paneis da mostra céntranse en temas como as imaxes aéreas, a teledetección, a prospección xeofísica, a fotogrametría ou o estudo ao microscopio, entre outros. Ademais, “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” incorpora tamén dous vídeos dedicados respectivamente ás técnicas de análise de materiais arqueolóxicos e ás tecnoloxías de prospección e rexistro non invasivas de áreas arqueolóxicas.

“Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” poderá visitarse na Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra desde este martes 19 de novembro e ata o próximo 30 de decembro, de luns a venres de 9:00 a 20:30 horas Trátase da primeiras das dúas exposicións proxectadas no marco do acordo de colaboración entre a Deputación e o CSIC, e está concibida como unha introdución na que se explican as tecnoloxías empregadas para traballar nos xacementos da provincia, mentres que a segunda dará conta do conxunto de traballos desenvolvidos ao longo do proxecto.