A Deputación acolle na súa sede de Vigo a exposición “Sorrisos por un mundo” da Fundación Carlos Casares
A mostra, que fai un repaso pola concepción do humor, as súas teorías, o seu papel nas distintas culturas do mundo, a súa historia en Galicia e a súa relación con Carlos Casares, poderá visitarse ata o 28 de novembro na Sala Rosalía de Castro
14/11/2024
A Deputación acolle na súa sede de Vigo a exposición “Sorrisos por un mundo”, da Fundación Carlos Casares e patrocinada polo organismo provincial e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A mostra, que fai un repaso pola concepción do humor, as súas teorías, o seu papel nas distintas culturas do mundo, a súa historia en Galicia e a súa relación con Carlos Casares, poderá visitarse ata o 28 de novembro na Sala Rosalía de Castro.
A mostra divídese en tres partes comezando coa análise do humor desde a súa definición, ata onde xorde nos nosos cerebros, como nace nos seres humanos e noutras especies animais e repasa as diferentes teorías sobre o humor. Ademais, nesta primeira parte describe a aparición do humor en distintas culturas do mundo, facendo fincapé no feito cultural.
Na segunda parte, “Sorrisos por un mundo” céntrase na historia do humor en Galicia, desde as cantigas de escarnio e maldicir ata o humor popular en coplas, regueifas, contos e chistes, o humor gráfico ou mesmo a aparición dos “memes”. E, finalmente, a mostra recolle a presenza do humor en Carlos Casares, desde a súa concepción vital ata a súa pegada nas obras infantís, xuvenís, ensaios, novelas ou obra xornalística, así como na súa propia personalidade, a través de fotos divertidas ou caricaturas que lle fixeron ao longo da súa vida e que el tan ben atesouraba.
Ademais dos oito expositores dispostos na Sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo, a mostra complétase con material adicional accesible mediante teléfonos móbiles que recolle as distintas facetas do humor como feito cultural.