A Deputación esgota en cuestión de minutos as prazas para as rutas previstas en agosto no programa “+Bosques”

Os nove percorridos terán lugar todos os sábados e domingos do mes, comezando o 3 de agosto no Xabriña (Covelo) e rematando no mesmo lugar o sábado 31

15/07/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou todas as prazas dispoñibles para as rutas do programa provincial “+Bosques” do mes de agosto. Tras abrir o prazo de inscrición este luns ás 9:00 horas, en menos de quince minutos xa se pechara a lista de persoas para participar nas nove rutas previstas, que se desenvolverán por espazos naturais da provincia situados nos concellos de Bueu, Covelo, A Illa de Arousa, Marín, Vilaboa, Poio e Pontevedra.

Os percorridos da iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques”, comezan en agosto o sábado 3 no río Xabriña (Covelo) e continuarán o domingo 4 no río Almofrei (Pontevedra), o sábado 10 no Carreirón (A Illa de Arousa), o domingo 11 en Cabo Udra (Bueu), o sábado 17 no na Illa de Tambo (Poio), o domingo 18 e o domingo 24 no Lago Castiñeiras, o domingo 25 na Illa de Tambo (Poio) e o sábado 31 no río Xabriña (Covelo).  En total, entre xuño e outubro ofertaranse 40 itinerarios que tamén pasarán polo Pazo de Lourizán (Pontevedra), visitando en total sete espazos tanto da costa como do interior que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade da provincia.

No mes de setembro “+Bosques” continuará con saídas que  terán lugar o día 1 no río Almofrei, o 7 e o 29 no Lago Castiñeiras, o día 8 no río Xabriña, o 14 e o 28 no Pazo de Lourizán, o 15 na Illa de Tambo, o 21 no cabo Udra e o 22 no Carreirón. Para estes itinerarios as inscricións abriranse o 19 de agosto ás 9:00 horas a través do formulario que se poderá atopar na web da Deputación. Quen cubra o formulario poderá anotarse cun máximo de tres acompañantes. Unha vez se reciban as 15 primeiras inscricións por itinerario pecharase o percorrido e crearase a lista de agarda, para a que tamén é necesario realizar inscrición. Só está permitido realizar cada ruta unha vez e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de encontro de inicio do percorrido polos seus propios medios.

As rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Promóvese  a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

Xornada de degustación de cociña silvestre

O peche do programa “+Bosques” será unha xornada de degustación de cociña silvestre, que se contempla para novembro unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 “baños de bosque” organizados pola Deputación e consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.