A Deputación leva este venres a Campo Lameiro o circuíto +Escénicas con “Elas”, de Vero Rilo

A peza teatral, para público adulto, poderá verse a partir das 19:00 horas no Auditorio Sobrino Buhigas

18/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Campo Lameiro co espectáculo de teatro “Elas”, de Vero Rilo. A función comezará ás 19:00 horas no Auditorio Sobrino Buhigas, está dirixida ao público adulto e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“Elas” é unha selección de historias de vida, tanto da autora como tradicionais e froito da recollida da voz das mulleres que non tiveron nome, pero que son á súa vez unha representación de todas as mulleres. A obra presenta unha serie de escenas nas que Vero Rilo vai interpretando a cinco mulleres, con diferentes historias e vivencias que van desde a infancia ata a idade adulta. A función aborda temas como a loita feminista, a violencia de xénero, a maternidade, a sexualidade ou as relacións interpersoais.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.